Conmemorando o 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro: muller de Letras Galegas

Actualidad cultural, Rosalía de Castro

56cb3acc3269b-rosalia1©Deputación da Coruña

Tal día coma hoxe, fai xa 179 anos, nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro.

A autora de ‘Cantares gallegos‘, figura mítica da literatura galega, converteuse nun dos máximos expoñentes do Rexurdimento, xunto con Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.

A súa obra cumpre un papel decisivo a prol da dignificación do galego e da recuperación do prestixio literario do que gozara noutro tempo.

No século XIX, época de gran descrédito e indiferenza para o galego, no que toda a tradición escrita xa se perdera e o castelán -idioma da clase minoritaria dominante- era considerado como a lingua culta, Rosalía de Castro emprende a valente tarefa de empregar o galego como lingua vehicular da súa obra, abrindo unha nova xeira.

“Adios, ríos; adios, fontes;
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,

prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,

amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adios, para sempre adios!”

Extracto de ‘Adios ríos, adios fontes‘, Cantares gallegos.

A meirande parte dos seus poemas están imbuídos dun lirismo de tipo popular, en constante conexión coas inquedanzas e preocupacións do pobo, en definitiva, coa nosa idiosincrasia.

O mar castiga bravamente as penas,
e contra as bandas do vapor se rompen
as irritadas ondas
do Cántabro salobre.
Chilan as gaviotas
¡alá lonxe…!, ¡moi lonxe!,
na prácida ribeira solitaria
que convida ó descanso i ós amores.
De humanos seres a compauta línea
que brila ó sol adiántase e retórcese,
mais preto e lentamente as curvas sigue
do murallón antigo do Parrote.
O corazón apértase de angustia,
óiense risas, xuramentos se oien,
i as blasfemias se axuntan cos sospiros…
¿Ónde van eses homes?
Dentro dun mes, no simiterio imenso
da Habana, ou nos seus bosques,
ide a ver qué foi deles…
¡No eterno olvido para sempre dormen!
¡Probes nais que os criaron,
i as que os agardan amorosas, probes!

Extracto de ‘Pra’ Habana‘, Follas novas.

Na súa poesía, cinguida toda ela de certo ar dramático, asume tamén unha conciencia social e patriótica.

Probe Galicia non debes
chamarte nunca española
que España de ti se olvida
cando eres ¡ai! Tan fermosa

Galicia, ti non tes patria,
ti vives no mundo soia,
i a prole fecunda túa
se espalla en errantes hordas

Extracto de ‘Pobre Galicia‘, Cantares gallegos.

Así pois, dende o noso pequeno recuncho da rede, queremos homenaxear no día de hoxe, aniversario do seu nacemento, a esta gran voz das Letras Galegas.

Sendo os seus poemas dos máis musicados da nosa literatura, compartimos convosco esta versión de ‘Negra Sombra‘, interpretada por Luz Casal.

Agardamos que vos guste!

Podedes visitar tamén, dende o pasado luns 22 de febreiro a exposición ‘Airiños, aires… Rosalía‘, do fotógrafo Xurxo Lobato e organizada pola Deputación de Lugo, que vai ser visitable ata o 30 de marzo na Sala de Exposicións da Deputación.

Destaca tamén a iniciativa da Deputación da Coruña, que a través da súa área de Cultura, puxo este luns en libre circulación catro novas imaxes de Rosalía de Castro creadas para a ocasión por catro deseñadoras: Uqui Permui, Aurora Cascudo, Aldara Prado e Paula Mayor.

– C. Garza –

El Arca de Pin (2016).

5 comments

Deja un comentario