Manuel María: Galicia somos nós, a xente e mais a fala

Actualidad cultural

Leandro Lamas - Letras Galegas 2016

Imaxe de Leandro Lamas

(…) Galicia é unha nai

velliña, soñadora

na voz da gaita rise,

na  voz da gaita chora!

Galicia somos nós:

a xente a mais a  fala

se buscas a Galicia

en ti tes que atopala”.

“Os soños na gaiola”

 

O pleno da Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas do 2016 ao autor lucense Manuel María, un dos máximos referentes do activismo político no nacionalismo galego, así como representante da defensa inquebrantábel da lingua.

Manuel María (Outeiro de Rei, 1929 – A Coruña, 2004) é un dos poetas máis importantes da literatura galega contemporánea. Pertencente á Xeración do 50, a súa obra poética arrinca coa publicación do poemario “Muiñeiro de Brétema” (1950), co que se inaugura a Escola da Tebra, caracterizada pola influenza da filosofía existencialista de Heidegger e Japers, así como pola obra de Jean Paul Sartre e de Albert Camus. Feito este que, ademais, converteu a Manuel María no poeta máis novo en publicar en galego na posguerra.

Pese ao seu interese por cursar os estudos de Filosofía e Letras e ante a insistencia do seu tío, no 1951 matricúlase en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. O suspenso do primeiro exame, sentido polo autor como un fracaso, trouxo como consecuencia que vise a luz o seu segundo poemario “Morrendo a cada intre” (1952).

Sendo a poesía o xénero máis cultivado, Manuel María tamén tendeu a man ao ensaio, á narrativa e, incluso, ao teatro. A temática principal dos seus textos vai dende o intimismo, o existencialismo ou o amor até o paisaxismo, a reivindicación lingüística e o compromiso socio-político, tendo como idea de fondo a construción da patria.

 

“É xa tempo de erguer a liberdade

de saír deste noxo e deste abismo

para poñer en outo a diñidade,

a ira, a rebelión o inconformismo.

É tempo preciso pra se alzar

enterrar dunha vez a tiranía

i erguer a nosa fe cun cantar

pra traer a pureza e a alegría (…)”.

Obra teatral  “Abril de lume e ferro”, dedicada aos Mártires de Carral.

Non é doado resumir nestas escasas liñas a prolífera obra de Manuel María, que se converteu nun referente imprescindible no panorama literario galego da segunda metade do  s. XX.

Á homenaxe –cualificada por algúns sectores como de consenso- tamén se suma a AGAL (Associaçom Galega de Língua), que reinvindica a defensa  por parte de Manuel María da valía das teses reintegracionistas. Defensa que non quedou nunha simple declaración de intencións senón que se materializou en tres obras escritas na grafía internacional: “Versos do lume e o vaga-lume” (1983), “A luz ressuscitada” (1984) e “Oráculos para cavalinhos-do-demo” (1986).

“Um poema é um ser vivo que anda,

respira, sonha, chora, salouca,

ama, berra, cintila e escurece,

cala, aborrece a mentira,

sente ódio e ternura, dessangra-se

fala de intimidade a intimidade

coas cousas e coa gente, sugere

mundos possíveis e impossíveis,

sua, cansa, sofre sede e fame

adoece, agoniza. E nunca morre”.

“A luz ressuscitada

A parte da súa extensa e moi diversa obra literaria, o autor lucense participou de xeito activo na reorganización política na clandestinidade dos partidos nacionalistas. Tal e como apuntou Alonso Montero “A personalidade literaria encaixa perfectamente dentro do espírito, da acción, da letra e  música das Irmandades da Fala”.

“O idioma é a chave

coa que abrimos o mundo:

o salouco máis feble

o pesar máis profundo (…)

O idioma é a forza

que nos xungue e sostén.

Se perdemos a fala

non seremos ninguén

Renunciar ao idioma

é ser mudo e morrer.

Precisamos da lingua

se queremos vencer”.

 

Sendo a súa obra poética unha das máis musicadas da literatura galega, compartimos convosco este vídeo de Fuxan os Ventos, no que interpretan o poema “Galicia”, co que abrimos esta entrada. Agardamos que vos guste!

– C. Garza –

El Arca de Pin (2016).

Deja un comentario